Capela de San Brais

Pequena capela de estilo barroco moi coñecida pola súa popular romaría o día do patrón.

É de planta rectangular, cunha longa cabeceira máis estreita e baixa cá nave. Cóbrense con bóvedas de canón que se apoian en contrafortes laterais visibles desde o exterior.

A fachada principal remata nun piñón mixtilíneo moldurado. No tramo recto central deste piñón levántase unha pequena espadana dun único oco en arco de medio punto, rematada en cruz central flanqueada por dous pináculos.

A porta é rectangular, simple, cun recercado superior preparado para unha inscrición que nunca se chegou a labrar; sobre a porta sitúase a imaxe de San Brais, padroeiro dos doentes da gorxa (seica salvou a vida dun neno que afogaba ao abafar cunha espiña de peixe), dentro dunha fornela e representado con manto, tiara e báculo. Sobre a fornela ábrese unha bufarda vertical rematada en forma de vieira.

Go top