Misión Biolóxica de Galicia

O Pazo de Gandarón foi mandado construír a finais do século XVIII como residencia de descanso para o arcebispo de Santiago de Compostela Sebastián Malvar e Pinto (Salcedo, 1745-Santiago, 1795). El foi promotor de importantes obras de arquitectura civil e relixiosa relacionadas con Pontevedra como a igrexa parroquial de Salcedo ou a ampliación do convento de San Francisco, no que estudara de neno. A súa grande obra foi o Camiño e Real Plantío entre Santiago e Ponte Sampaio, xigantesca vía de comunicación que fixo que pasara á beira do Pazo de Salcedo e cuxo proxecto foi impulsado e rematado despois da súa morte polo seu sobriño e colaborador Pedro Acuña Malvar.

En 1840 a propiedade de doce hectáreas, das que dez son cultivables, é herdada por Xerónimo Malvar Taboada quen ampliou as construcións orixinais e deseñou un magnífico xardín con multitude de especies como coníferas e criptomerías de excepcional calidade e interese, datadas na segunda metade do século XIX.

O Pazo de Gandarón está formado por dúas naves situadas ortogonalmente entre elas, e que xunto coa capela forman una planta en forma de “u”. Trátase dun magnífico exemplo de construción barroca con perfecta fábrica de sillares que potencian o efecto horizontal do edificio que tamén sorprende pola rotundidade das súas formas e proporcións.

Exteriormente a marcada fachada horizontal aparece únicamente interrompida por dúas balconadas simétricamente situadas e sostidas por arquitectónicas repisas molduradas, que ascenden e rematan en barandas de forxa de Sargadelos artísticamente traballadas con elementos orgánicos que nos remiten ao propio entorno e a estéticas románticas da época. No interior, o enorme edificio de cantería granítica conta con tres pisos distribuidos en recepción, cafetería, laboratorios, salón de actos, sala de xuntas e despachos, todo elo con excepcionais vistas ao xardín.

O edificio ábrese a un patio que conecta na súa parte esquerda coa antiga capela do pazo en honor de San Sebastián, patrón de Pontevedra, e que hoxe en día está habilitada como museo. Destaca exteriormente a capela pola organización da súa fachada, con dous vanos semicirculares que flanquean o acceso principal coa mesma estrutura e remate, da que simetricamente ascende rompendo a horizontalidade do conxunto o escudo do arcebispo Sebastián Malvar que da paso ao esbelto campanario.

Desde o patio un fermoso corredor condúcenos a una nova zona de goce que se bifurca en dúas alturas. No sector superior unha pequena fonte da paso ao magnífico hórreo de vinte e dous pés que armoniza co conxunto do pazo. Ademais pese as súas grandes dimensións, non está dividido en tramos e as aberturas laterais que permitían a circulación do aire propiciando a conservación ou secado do que nela se gardase, son corridas o que dota de gran uniformidade e esbeltez ao conxunto. Encima do hórreo, destaca un edificio dunha nave soa, hoxe denominada edificio Miguel Odriozola, que se construíu en 1940 dentro dunha liña de estudo sobre a xenética dos porcos.

No ano 1927, a Deputación Provincial de Pontevedra adquire a finca e ofrece á Misión Biolóxica de Galicia mudarse ao Pazo para realizar nos seus terreos todo tipo de investigacións. Nesta etapa destaca a labor de Cruz Gallástegui, quen realizou numerosos estudos agropecuarios sobre Galiza, que obtiveron como resultado a mellora de especies como o millo e as legumes. Ademais de Gallástegui, foron colaboradores da Misión grandes figuras como o biólogo e político Bibiano Fernández Osorio Tafall (que foi Alcalde de Pontevedra en 1931 e que tamén era natural de Salcedo) e Alexandre Bóveda, que se encargou da contabilidade da Misión durante un tempo. Despois da Guerra Civil, a Misión Biolóxica pasa a depender do Centro Superior de Investigacións Científicas, entidade que hoxe en día segue a ser titular.

O chamado edificio Cruz Gallástegui foi deseñado por Alejandro de la Sota e inaugurouse en 1970 co obxectivo de mellorar as instalacións e os laboratorios existentes naquel tempo. Hoxe en día, a Misión Biolóxica de Galicia centra as súas investigacións na mellora xenética dos cultivos de zonas húmidas. Os departamentos máis importantes teñen que ver coa bioquímica da vide, as brásicas hortícolas, o millo, a viticultura, o forestal e a bioloxía do agrosistema. Todos eles tratan de desenvolver material xenético para que a agricultura teña maior calidade e menos necesidades de abonado e rego.

A Tabacalera

A uns metros do recinto da Misión Biolóxica atópase o edificio da Tabacalera, que tamén se coñece co nome de O Mesón. Trátase dunha edificación de planta rectangular mandada construír polo arcebispo Sebastián Malvar e Pinto no século XVIII que, en orixe, presentaba na súa fachada principal un porche ou cuberto apoiado sobre columnas.

Posúe unhas proporcións moi coidadas dentro da sobriedade xeral do seu deseño. Un caixeado case plano serve para enmarcar as xanelas con tornachuvias, e unha cornixa moldurada percorre todo o seu perímetro, acentuando o carácter clásico do edificio.

Go top