O Proxecto

Salcedo no Tempo

Espazo etnográfico e arqueolóxico do val de Tomeza e Salcedo

Salcedo no Tempo é un proxecto de dinamización do espazo etnográfico e arqueolóxico do Val de Tomeza e Salcedo. Este espazo é un proceso de recuperación, divulgación e dinamización do patrimonio de Salcedo, artellado arredor dos bens etnográficos e arqueolóxicos desta parroquia: o conxunto etnográfico dos muíños do río do Batán, as estacións arqueolóxicas de Vilar de Matos (Cabanas), Mato das Cruces (A Esculca) e Outeiro da Mina; o Pazo de Gandarón (sede da Misión Biolóxica); o trazado da Vía XIX e os miliarios descubertos nas obras de construción da vía férrea; e o Castro das Croas son os principais referentes dun proxecto que contempla a restauración de bens, a sinalización e a posta en marcha dun programa de divulgación e dinamización mediante exposicións, guías, paneis interpretativos, roteiros, visitas guiadas, actividades lúdicas, etc.

O espazo etnográfico e arqueolóxico do Val de Tomeza e Salcedo é  a “actuación estelar” dentro das iniciativas deseñadas para recuperar o patrimonio rural neste mandado, que se recollen no Plan do patrimonio rural aprobado en xuño de 2012. No plan incluense liñas de actuación relacionadas coa protección, conservación, restauración, divulgación e dinamización dos bens culturais das parroquias, tanto materiais como inmateriais.

Intervención arqueolóxica no Castro das Croas

Trátase dun proxecto multidisciplinar, que comprende os aspectos históricos, arqueolóxicos e antropolóxicos relacionados co castro e a súa contorna. A intervención forma parte do proxecto de posta en valor do Espazo etnográfico e arqueolóxico do Val do Tomeza e Salcedo, no que se van desenvolver diversas accións de conservación, rehabilitación, interpretación e dinamización.

A intervención no castro é un proxecto de investigación e divulgación sobre o xacemento das Croas (Birrete-Salcedo), no que se desenvolveron intervencións arqueolóxicas nos anos 90, dirixidas por Victor Barbi e Antonio de la Peña. As Croas é un castro moi antigo, con uns 2.600-2.700 anos de antigüidade, polo que se encadra na primeira fase da cultura castrexa. Segundo Antonio de la Peña, foi abandonado durante o proceso de construción e non chegou a estar habitado.

O traballo que se desenvolverá nas vindeiras semanas é unha primeira fase de excavación que se centrará nos restos da muralla que apareceron nos traballos realizados nos anos 90 e dunha estrutura que, en principio, parece unha vivenda; a intencion do concello é darlle continuidade en próximas campañas, co obxecto de recuperar e poñer en valor este espazo de grande interese cultural.

Máis alá dos aspectos arqueolóxicos, a intervención centrarase nos aspectos históricos e antropolóxicos co obxecto de coñecer a relación da comunidade local con este espazo (elaboración e trasmisión de lendas, historias de vida). Neste eido colaborará o antropólogo Rafa Quintía da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), que afondará no estudo das lendas e demais patrimonio inmaterial relacionado con este espazo arqueolóxico. Ademais, farase un rexistro audiovisual do proceso, a modo de diario de traballo de campo, que será realizado polo arqueólogo e documentalista Lukas Santiago.

En todo o proceso da excavación contrase coa participación da comunidade de Salcedo, moi activa na conservación e recuperación do patrimonio cultural da parroquia, nomeadamente o etnográfico. Tamén se fará partícipe á comunidade escolar da contorna, mediante visitas guiadas ao xacemento.

A intervención do verán de 2014 ten un orzamento de 28.140 euros e vaina realizar a empresa A Citania Arqueoloxía coa dirección do arqueólogo Eduardo Méndez, do Instituto de Estudos Miñoranos (IEM). O equipo conta co asesoramento de Antonio de la Peña (Museo de Pontevedra), Fernando Carrera (Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais), e Buenaventura Aparicio, entre outros expertos.

A partir dos resultados da excavación, desenvolverase o traballo de laboratorio para o estudo e datación dos achados. Nesta fase, o proxecto conta coa colaboración do Grupo d Estudo para a Prehistoria do Noroeste Ibérico da USC, que fará a datación do xacemento através da proba do Carbono 14 e encargarase do estudo da flora da época.

Orzamento

O proxecto ten un orzamento de 166.000 euros e conta con unha subvención de fondos LEADER de 56.11 euros.

Nunha primeira fase, que se desenvolveu no ano 2013, investíronse 58.016 euros na denominada zona III, na contorna dos muiños do Batán.  Esta cantidade destinouse ao desbroce e limpeza do terreo, retirada de entullos, acondicionamento dunda senda peonil, e construción de pasarelas de madeira para facilitar o acceso ao conxunto de muiños. Posteriormente, un grupo de veciños, coa colaboración do concello, da asociación veciñal Heroes do Campo da Porta e da comunidade de montes, realizaron traballos de rehabilitación de dous muiños, un dos cales conta con toda a maquinaria para moer.

O segundo capítulo dos investimentos céntrase na intervención arqueolóxica no castro das Croas, dotada con 24.140 euros, destinados á excavación e aos traballos de documentación, catalogación e datación dos achados.

O terceiro capitulo, dotado con 40.716 euros, corresponde a ferramentas informáticas e novas tecnoloxías: deseño da imaxe do proxecto, creación dunha web divulgativa, realización de materiais audiovisuais, catalogación de bens, deseño de roteiros e visitas autoguiadas.

O cuarto capítulo de inestimentos corresponde ao deseño e edición dun mapa-guía do espazo arqueolóxico con un orzamento de 5.000 euros.

Por último, destinaranse 39.518 euros a dotar o espazo etnográfico e arqueolóxico dun sistema interpretativo mediante a instalación de paneis informativos e balizas de orientación.

Go top