Arte Rupestre

Os petróglifos son gravados feitos nas rochas, xeralmente de granito, por unha sociedade de pastores e labregos itinerantes que viviron na Idade do Bronce (fai uns 4.000 anos). Foron creados coa intención de transmitir unha mensaxe, para comunicar algo, aínda que nós só poidamos entender unha parte do que din. Esa información pode ser de moitos tipos: de propiedade, dos usos do territorio, dunha determinada familia ou tribu, da ubicación dos recursos máis importantes, dos movementos dos animais polo terreo, de control das zonas de paso de persoas, etcétera.

En Salcedo podemos atopar petróglifos en diferentes puntos da parroquia, destacando os de Vilar de Matos, Mato das Cruces, Outeiro da Mina e a tamén coñecida como Pedra do Fundamento.

No penedo de Vilar de Matos atopamos un gravado rupestre situado nun terreo privado. Rodeado de monte de repoboación, localízase unha laxe alongada de granito fino que sobresae levemente do nivel do solo. Presenta gravados a base de numerosas cazoletas por toda a súa superficie, illadas, e agrupadas, combinacións circulares concéntricas así como outros trazos atípicos (riscos paralelos, cruciformes, etc…).

O de Vilar de Matos foi un dos primeiros petróglifos estudados na Galiza. O histórico Ramón Sobrino Buhigas, pioneiro investigador arqueolóxico nado na cidade de Pontevedra, xa fala del na súa mítica obra “Corpus Petroglyphorum Gallaeciae” publicado no ano 1935 polo Seminario de Estudos Galegos.

Pola súa parte, o petróglifo de Mato das Cruces é un dos primeiros gravados coñecidos en Galicia e xa foi mencionado por García de la Riega no ano 1904. O entorno desta estación rupestre de Mato das Cruces é absolutamente espectacular. Desde el, podemos divisar toda a cidade de Pontevedra e ver tamén as pegadas do val do río Gafos e do bosque de Ribeira asociado en todo momento ao seu paso. Trátase dun lugar de grande valor paisaxístico.

O petróglifo de Mato das Cruces, está dividido en dous paneis: o primeiro con imaxes xeométricas (combinacións circulares, círculos con cazoletas no seu interior e cazoletas) e unha figurativa (a cornamenta dun cervo). Os restos da cornamenta e do corpo do animal desapareceron debido á extracción de pedra por traballos de canteiría tradicional. Isto demostrouse debido á ausencia da figura do cervo nos debuxos e acuarelas de Enrique Campos Sobrino, feitas a comezos do século XIX e depositadas no Museo de Pontevedra.

A estación rupestre do Outeiro da Mina é un conxunto formado por nove petróglifos, dos que o máis importante é o catalogado co número 6, tamén chamado Pedra do Fundamento. Foi o primeiro gravado publicado cunha representación gráfica, na obra de Manuel Murguía Historia de Galicia de 1901, e está nunha gran laxe plana a ras de chan. Consta de dous paneis con imaxes xeométricas (combinacións circulares, reticulados, círculos con cazoletas no seu interior e cazoletas).

En comparación cos petróglifos de Mato das Cruces e Vilar de Matos presentan unha liñas formais máis estilizadas, falando máis da forma ovalada que circular. Non sabemos se esta rocha é un gravado inacabado, de outra autoría, ou doutro momento histórico, o único que temos claro é de que é diferente aos outros dous petróglifos de Salcedo.

Go top