Monte das Croas

25/08/2014

Existen restos de cantería no monte, especialmente na súa parte oeste. Sen embargo a principal alteración é debida ao aporte dun grande volume de terras destinadas ao acondicionamento do lugar como área de esparcemento, afectando principalmente, a toda a zona alta e á vertente sur. A construción do desvío que conduce a unha vivenda (e a rampa de acceso ao xacemento) terá alterado posiblemente as estruturas defensivas da zona.

Atopáronse restos cerámicos feitos a man, de pastas con tonalidades escuras (gris ou negra) e desengrasantes graníticos, superficies de cor pardo e roxizo, o acabado acostuma a ser cepillado, presentando un fragmento decoración incisa en liñas entrecruzadas. Escavación de urxencia realizada en 1992.

As alteracións producidas no monte alteraron considerablemente a configuración inicial do xacemento. As obras consistiron no aterrazamento da zona alta e meridional do monte. O xacemento está delimitado na súa zona norte polo transcurso do regato da Ponte Bala e ao oeste pola estrada que vai de Pontedra a Figueirido.

En principio a súa estrutura constaría de dous recintos defendidos por terrapléns, o primeiro tería forma oval e do que só se conserva, para unha delimitación clara, a súa zona setentrional (cunha forte pendente) e parte da zona oriental. O segundo recinto é unha zona de aterrazamento situado na parte oriental, defendida por un terraplén rematado cunha muralla, isto último testemuñado coas sondaxes realizadas en 1992.

O acceso natural ao castro estaría situado, posiblemente, na súa parte occidental, zona á súa vez máis desguarnecida e onde tamén existiría unha maior elaboración das estruturas defensivas. A construción das pistas, e a actividade de extracción de pedra nesta parte do monte impiden precisalo con seguridade. Pedras con gravados preto do cruceiro, ao este.

Go top