- Salcedo no tempo - https://salcedonotempo.pontevedra.gal -

A música en Salcedo

Salcedo é unha parroquia de música, unha parroquia de músicos. Así o demostra a través da súa historia, pola que pasaron centos de persoas que se adicaron ao mester e que gozaron divertindo a amigos e veciños. Hoxe en día, Salcedo conta cunha das bandas de música máis importantes de Galiza e cunha escola de música onde se forman profesionais e onde medra unha canteira que permitirá que a música siga viva na parroquia.

En Salcedo houbo gaiteiros tradicionais, cuartetos de gaita, clarinete, bombo e caixa como ‘Os X de Salcedo’ e tamén rondallas como a ‘Rondalla do colexio de cegos’ formada por guitarra, bandurra e laud. Estiveron presentes charangas como ‘Los Nuevos Lirios’ ou o ‘Quinteto de Salcedo’ e cuartetos de gaita como ‘Os Romeiros de Salcedo’ ou a ‘Agrupación Rosalía de Castro’.

Da parroquia, ou casados nela, en Salcedo houbo músicos relevantes como o percusionista Albino Prado, os gaiteiros Piedras e Carlos Mourente, o acordeonista Manuco, a gaiteira Regina Capelo, e grupos que actualmente manteñen viva a cultura tradicional galega, como Os Chichisos, fortemente vinculados á parroquia.

O Entroido tamén tivo unha importante representación en Salcedo a través da ‘Banda do Grelo’ e non faltaron orquestras como ‘Orquesta Montes’ ou ‘Orquesta Festival’. Pero en Salcedo, a música tamén estaba presente na vida cotiá, nos labores do campo, nas esfolladas ou nos fiadeiros, nos Maios e tamén no Nadal, cos cantos de Reis.