- Salcedo no tempo - https://salcedonotempo.pontevedra.gal -

O Concello quere estender as actuacións sobre o patrimonio a máis parroquias de Pontevedra

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará, visitaron xunto a representantes de Comunidade de Montes de Salcedo e da Asociación de Veciños Heroes do Campo da Porta as actuacións realizadas dentro do proxecto ‘Salcedo no Tempo’.

O concelleiro de Patrimonio Histórico destacou que tanto a Comunidade de Montes como a Asociación de Veciños Heroes Campo da Porta e o Concello de Pontevedra están interesados en poñer en valor o patrimonio arqueolóxico e etnográfico da parroquia, que ademais ten a posibilidade de “sair de Pontevedra e ter continuidade hacia Lourizán, Marín e o Lago de Castiñeiras”.

Bará recalcou que “contamos cun patrimonio riquísimo, que debemos recuperar e poñer en valor. Nesta actuación, foi clave a participación das forzas sociais de Salcedo, que xa se implicaron na recuperación do patrimonio etnográfico antes de que o Concello comezase coa restauración. De feito, o Concello mirou cara esta parroquia porque había implicación previa co patrimonio”.

O concelleiro indicou que contamos “cunha riqueza inmensa no patrimonio natural e cultural” e recordou que “durante moito tempo deuselle as costas e non se lle prestou atención ao patrimonio rural, pero agora estamos noutra epoca, hai máis sensibilidade” e débese realizar un aproveitamento social, educativo, de lecer e tamén recreativo deste tipo de espazos.

O camiño de cara o futuro é recuperar este patrimonio e dinamizalo, para uso e disfrute de todos os veciños e visitantes. Bará considera que o traballo como o que se levou a cabo en Salcedo “ten que se ir estendendo a outras parroquias e concellos veciños”.