A Casa das Campás acolleu onte a presentación do libro ‘Patrimonio inmaterial de San Martiño de Salcedo. Lendas, historias e crenzas’, unha obra do antropólogo Rafael Quintía que engloba a sabedoría popular desta parroquia pontevedresa.
Na presentación, o autor estivo arroupado polo concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará, e polo antropólogo Buenaventura Aparicio, autor do prólogo do libro.
O concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará, deulle a Rafa Quintía os parabéns por este traballo e desexou que este tipo de iniciativas teña continuidade en outras parroquias do Concello de Pontevedra.
Para Buenaventura Aparicio, este libro foi feito con “ampla e exhaustiva dedicación” para recoller un traballo tan pouco valorado como é o patrimonio inmaterial. “Parece que a sabedoría popular non ten valor, pero nas aldeas hai moitos sabios”, asegurou Aparicio, ao considerar que sabedora tamén é “o sentido común, os tempos duros, o mirar o ceo e ter a vida por mestra”. Aparicio destacou que o patrimonio inmaterial é o mellor xeito de entender un país porque é “o pobo falando consigo mesmo, mirándose ao espello”.
Rafael Quintía agradeceu ao Concello de Pontevedra a axuda para a publicación do libro e ao antropólogo Buenaventura Aparicio o feito de escribir o prólogo do mesmo. ‘Patrimonio inmaterial de San Martiño de Salcedo. Lendas, historias e crenzas’ é unha obra que recolle unha mostra representativa da potencia cultural da parroquia “para que o lector coñeza o legado cultural, porque a identidade do pobo transmítese por vía oral” e, sen embargo, “é o esquecido dos esquecidos e sofre constantes atentados”, indica Quintía.
A cadea oral de transmisión de coñecementos perdeuse porque os avós xa non lles contan aos netos as historias que saben, ao considerar “que non teñen valor, que son supersticións”, pero sen ese intercambio “no fondo o que estamos a perder é a nosa forma de ver e estar no mundo. O importante é que a xente comece a darlle valor, porque hai moito que escoitar, aprender e moito coñecemento que adquirir das persoas maiores. Hai que saber que detrás de cada lenda, conto… hai mensaxes con valores, tabús, normas sociais…”
O libro recompila lendas e mitos vinculados ao patrimonio arqueolóxico, entre as que se atopan unha quincena de lendas de mouras asociadas á parroquia de Salcedo. “En Galicia temos a sorte de poder facer un estudo antropolóxico sen movernos da parroquia”, asegura Quintía. Tamén recolle figura míticas como os asustanenos (que no caso de Salcedo ten un propio: o rachador); os tesouros que se atopan ocultos debaixo de mámoas e petróglifos; a relación da xente cos animais e porqué as andoriñas non se poden matar ou se lle ten pánico ás píntegas; a importancia da morte e as sinais/presaxios do alén; a fe que se lle ten aos defuntos e aos santos; lembranzas de feitos históricos (como o paso dos franceses, os heroes do Campo da Porta, o campo de concentración que albergou a Brilat); menciña popular e remedios caseiros, as festas do ano, os alcumes, os chamadeiros… para rematar cos roteiros máxicos que se poden facer pola parroquia.