- Salcedo no tempo - https://salcedonotempo.pontevedra.gal -

O Castro das Croas

O castro das Croas (Birrete) é un castro moi antigo, con uns 2.500-2.700 anos de antigüidade, polo que se encadra na fase de formación da cultura castrexa. Situado en terreos da comunidade de montes a 122 m. de altura e descuberto grazas aos propios comuneiros en 1991, a súa superficie habitada é de unha hectárea aproximadamente, e está constituído por unha croa (a superficie habitada máis elevada dunha aldea prehistórica) e unha terraza concéntrica. Na croa foi escavada unha cabana circular definida por un muro de 40 cm de espesor que carece de cimentación.

Destaca a robusta muralla de dúas caras vistas de 1,5 m de altura conservada e 2 m de espesor que defende o castro polo E, a parte que mira á depresión meridiana, onde se sitúan outros dous recintos defensivos.

O xacemento posúe unha inmellorable situación xeoestratéxica, rodeado de terras de cultivo e dominando visualmente o tránsito de bens e persoas pola depresión meridiana, unha condición que comparte con outros castros próximos como o de Matalobos (Salcedo), San Cibrán en Tomeza, Coto Loureiro en Figueirido, O castro de Ponte Sampaio ou A Peneda no Viso (Arcade).