- Salcedo no tempo - https://salcedonotempo.pontevedra.gal -

Muiños do Batán

O conxunto dos Muíños do Batán é un dos lugares con maior interese etnográfico de Pontevedra. Formado por tres exemplares dispostos en batería ao longo dunha pendente severa, están ancorados nun fermoso treito do Río do Batán ou Cubela, que discorre entre a AP-9 e a Ponte do Batán, baixo a que unha lenda sitúa un fabuloso tesouro encantado. Boa parte destes muíños son de varios propietarios ou herdeiros, ao punto que un deles ten ata 40 donos distintos.

O batán é unha máquina artesanal que, ao igual que os muíños, funcionaba coa forza da auga e que tiña como función principal bater os tecidos que se fabricaban nos teares tradicionais para darlles unha textura máis compacta e homoxénea. Hoxe os ríos de Salcedo non conservan ningún batán, pero a súa memoria sobrevive entre nós grazas á toponimia.

Os muíños do Batán son tres muíños de rodicio horizontal (o do Batán, o do Moledo e o do Matías), dous deles de planta rectangular e cuberta a unha auga, e un máis grande (o único pendente de ser restaurado), provisto de dous infernos e dotado de vivenda, que posúe unha interesante canle de condución de auga rematada nun cubo vertical.