Muiños da Cancela

A Cancela é un dos barrios máis populares de Salcedo, e aquí levántanse este par de muíños, o de Arriba e o de Abaixo, que foron os primeiros da parroquia en seren recuperados.

O tarabelo aínda sona nos muíños da Cancela. Con frecuencia os escolares acoden a estas dúas máquinas de moer (os muíños foron durante séculos a principal industria que existía en moitas parroquias de Galicia) para coñecer o seu funcionamento da man dalgún veciño sabio e xeneroso de Salcedo. Alí debullan o millo e collen coas súas mans a fariña e o farelo que moe a moa; aprenden qué é un pousadoiro, unha moega ou un inferno, un espazo que non tortura almas en pena, pero que acolle un rodicio que vira a unha velocidade do diaño.

Go top