- Salcedo no tempo - https://salcedonotempo.pontevedra.gal -

Castro e pinal de Matalobos

Tamén coñecido como Monte De la Sota, Matalobos é a cimeira que constitúe a parte máis elevada dun contorno montañoso que domina os vales dos ríos Tomeza e Louriñáns.

A superficie atópase moi alterada por actuacións diversas, principalmente pola explotación das canteiras, o que provocou unha ampla remoción de terras, ao que hai que sumar unha intensa repoboación forestal.

Na zona superior que sobresae do resto, obsérvanse numerosos afloramentos graníticos, en cuxos cortes se aprecian pegadas da extracción de pedra. Quizais destas canteiras saíu a pedra coa que se levantou a Casa do Bosque, un magnífico edificio de cantería que se levanta entre a floresta e que destaca pola utilización de elementos propios da arquitectura tradicional nobre: un patín ao que se accede a través dunha grande escalinata, un lareira monumental, fornelas, restos dun lagar, etc…

Do castro, que se desenvolve principalmente no eixe N-S, apréciase unha croa de 114 m de altura seguida de dúas plataformas habitacionais situadas a diferente altura, defendidas por cadanseu parapeto. As súas pendentes, en xeral, son bastante suaves. A 1,5 km ao sudeste sitúase o castro de San Cibrán (Tomeza), e a case 2 km ao suroeste o das Croas (Salcedo). Nel foron atopados fragmentos de cerámica indíxena e de ánforas. Tamén restos de fundición de bronce que foron depositados no Museo de Pontevedra.

Matalobos sempre foi un miradoiro privilexiado da cidade de Pontevedra. Proba delo é un texto que escribiu un saudoso e evocador Castelao desde o exilio:

Para sentir o orgullo de ser fillo da terra máis fermosa do mundo, eu rubo ao pinal de Matalobos, que está enriba da eirexa de Salcedo. Séntome nas pedras do valado, e chanto os ollos na ría que durme antre veigas e florestas. Asisto a transformación d-un día de sol en noite de luar. Alí sinto como en ningures a necesidade cósmica da patria e sei que son un anaquiño de eternidade galega. ¡Meu Pontevedra!.