- Salcedo no tempo - https://salcedonotempo.pontevedra.gal -

Ecos do Castro. Os veciños: Pablo Carro

Pablo Carro cóntanos o día que se fixo o Carnaval e apareceu a Garda Civil. Recorda que se xuntou xente de toda a bisbarra, pero ninguén pedira o permiso de Gobernación para poder reunirse, “fíxose de maneira espontánea”, explica.

Carro indica que fronte á porta da taberna de Gumersindo fíxose un templete e desde alí “estabamos atentos por se viña a Garda Civil. E cando estabamos no mellor da festa, no apoxeo do entroido, pola Ponte do Batán vimos vir unha parella da Garda Civil”. A festa desfíxose disimuladamente e correron desesperadamente os dous que ían disfrazados da Benemérita. “Era un auténtico terror o que se lle tiña á Garda Civil”, asegura.