- Salcedo no tempo - https://salcedonotempo.pontevedra.gal -

Pazo de Gandarón, Misión Biolóxica

Residencia pacega mandada construír a finais do século XVIII no lugar da Carballeira por Sebastián Malvar, fillo dunha familia de agricultores da Cancela-Salcedo que acabou sendo arcebispo de Buenos Aires e Santiago de Compostela. No conxunto monumental destaca o propio pazo, que loce forxa de Sargadelos nas balconadas, a capela,o xigantesco hórreo, o pombal, a fonte, o miradoiro ou a antiga pousada,así como os xardíns, nos que podemos atopar varias árbores senlleiras.

Sebastián Malvar e Pinto (Salcedo, 1745-Santiago, 1795) foi promotor de importantes obras de arquitectura civil e relixiosa relacionadas con Pontevedra como a igrexa parroquial de Salcedo ou a ampliación do convento de San Francisco no que estudara de neno, na praza da Ferraría. A súa grande obra foi o Camiño e Real Plantío entre Santiago e Ponte Sampaio, xigantesca vía de comunicación que fixo que pasara á beira do Pazo de Salcedo e cuxo proxecto foi impulsado e rematado despois da súa morte polo seu sobriño e colaborador Pedro Acuña Malvar.

No ano 1927 o Pazo foi comprado pola Deputación Provincial presidida por Daniel de la Sota para sede da Misión Biolóxica de Galicia, institución científica creada en 1921.

A Misión Biolóxica de Galicia

A partir de 1928 a Misión, dirixida polo biólogo Cruz Gallástegui, converteuse en centro punteiro das investigacións científicas para a mellora xenética do millo, a pataca e outras especies. Gallástegui promoveu tamén a distribución de sementes entre os agricultores, coa finalidade de mellorar o rendemento dos cultivos. Tamén foron colaboradores da Misión grandes figuras como o biólogo e político Bibiano Fernández Osorio Tafall (alcalde de Pontevedra en 1931 e natural de Salcedo) e Alexandre Bóveda, que se encargou da contabilidade da Misión durante un tempo.

As instalacións e as actividades científicas da Misión fóronse ampliando ao longo do tempo abarcando a mellora animal ou selección de variedades de vide para a mellora da produción. Entre as novas edificacións cabe destacar o edificio do arquitecto Alejandro de la Sota, fillo de Daniel de la Sota.