Tamén se coñece co nome de O Mesón, que deixa en evidencia a súa vinculación coa carrilana Santiago-Tui. Trátase dun edificio de planta rectangular mandado construír polo arcebispo Sebastián Malvar y Pinto no s. XVIII que, en orixe, presentaba na súa fachada principal un porche ou cuberto apoiado sobre columnas. Posúe unhas proporcións moi coidadas dentro da sobriedade xeral do seu deseño. Un caixeado case plano serve para enmarcar as xanelas con tornachuvias, e unha cornixa moldurada percorre todo o seu perímetro, acentuando o carácter clásico do edificio.