- Salcedo no tempo - https://salcedonotempo.pontevedra.gal -

Preto de 100 alumnos visitaron o Monte das Croas

Hoxe foron preto de 100 alumnos os que visitaron o Monte das Croas e os muíños do río Batán. Foron dous grupos dos CEIP San Martiño de Salcedo e Vidal Portela da cidade de Pontevedra os que tiveron oportunidade de coñecer un pouco máis sobre a historia dos castrexos, do seu xeito de vida e do legado que nos deixaron.

Ademais do Castro das Croas, os rapaces visitaron os muíños do río Batán e escoitaron do antropólogo Rafa Quintía diversas lendas sobre mouras e ritos que aínda seguen vivas entre os veciños de Salcedo. Quintía recordou aos rapaces a importancia de manter vivo o noso patrimonio inmaterial, polo que os animou a preguntarlles aos seus pais e avós sobre lendas que coñezan sobre Salcedo ou outros lugares.

Mañá rematan as visitas guiadas a escolares cun novo grupo de alumnos de 5º e 6º de Primaria do CEIP San Martiño de Salcedo.