- Salcedo no tempo - https://salcedonotempo.pontevedra.gal -

Coñecendo lendas e petróglifos por Salcedo

As actividades de dinamización realizadas arredor da escavación que se levou a cabo no Castro das Croas permitiron que hoxe un grupo de máis de 20 persoas fixese un percorrido por Salcedo para coñecer lendas, petróglifos e moitas outras curiosidades.

Durante tres horas e media, os participantes camiñaron polo Castro das Croas, o río Batán, onde se visitaron os muíños, os petróglifos da Esculca e tamén os do Outeiro da Mina-Pedra do Fundamento, para rematar baixando de novo polo río Batán e ver os muíños do Outeiro.

O roteiro estivo guiado polo antropólogo Rafa Quintía, que contou unha morea de lendas de mouras e mouros que habitaron baixo as pedras dos cotos de Salcedo. Quintía explicou máis sobre os gustos destes seres máxicos, que ían ao Fiadeiro, ao baile do Verxel, en Marín, e tamén que facían ricos a todos aqueles cos que tiñan relación e lles mantiñan o segredo.

Sen embargo, durante o percorrido os camiñantes non atoparon ningunha moura e tampouco tesouro algún, pero o río compensounos con lugares máxicos.