- Salcedo no tempo - https://salcedonotempo.pontevedra.gal -

Éxito do roteiro polo Monte das Croas

Preto de 40 persoas participaron o sábado no roteiro que se celebrou polo Monte das Croas, visitando o Castro e os Muíños do Batán. Os participantes recibiron explicacións por parte do arqueólogo Eduardo Velázquez, de A Citania Arqueoloxía, e tamén houbo aportacións do arqueólogo Lukas Santiago e o concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará.

Durante unha hora e media, os visitantes coñeceron un pouco máis dos traballos que se levaron a cabo no Castro das Croas durante as semanas de escavación e tamén os resultados da mesma. Ademais, foron informados dos traballos previstos para os vindeiros anos.

Nos muíños do Batán, visitaron o muíño restaurado e gozaron cunha parte do patrimonio etnográfico da parroquia que se está a poñer en valor. Moitos recordaron alí os tempos nos que tiñan que ir moer ao muíño e os traballos que iso supoñía.

O sábado, un novo roteiro

O vindeiro sábado, ás 10.30 horas, haberá un novo roteiro que percorrerá o Castro das Croas, os Muíños do Batán, a Esculca e  o Outeiro da Mina-Pedra do Fundamento e que estará guiado por Rafa Quintía. Asistencia libre, non é necesaria inscrición previa.

Recoméndase levar roupa e calzado cómodo, axeitado para andar por camiños de terra, sendas fluviais e pistas forestais. Nalgunhas zonas o terreo pode estar enchoupado. A actividade podería suspenderse en caso de mal tempo.