- Salcedo no tempo - https://salcedonotempo.pontevedra.gal -

Un castro vivo, un espazo veciñal

A parte viva do castro foi a protagonista da segunda xornada divulgativa sobre o Castro das Croas. Os antropólogos Buenaventura Aparicio e Rafa Quintía achegaron aos máis de 40 participantes as lendas asociadas a este espazo da parroquia, pero tamén os usos sociais que tivo ao longo da historia, explicaron mitos e destacaron a importancia da cadea oral para seguir mantendo vivo para poder coñecer o noso propio pobo.

Buenaventura Aparicio explicou que as lendas contan que os primeiros habitantes de Galicia no imaxinario popular foron os mouros. Eran seres que vivían baixo a terrea, que tiñan tesouros e que se facían oír aos veciños con música, campás, axóuxeres e incluso empregando ferramenta.

A moura, pola súa banda, aparece como deusa prehistórica de Galicia, unha deusa da fortuna e o destino. Como unha fada poderosa e popular, sempre fermosa e de cabelos dourados, aparécese sobre unha pedra. “Esta é a mesma imaxe que se emprega en Lourdes e Fátima para contar a aparición da Virxe”, comenta Aparicio.

A moura tamén se transforma en serpe, e o mozo valente debe ser capaz de desencantala, e para iso terá que sacarlle un caravel da boa (sendo ela serpe) ou facerlle sangue na cola. Segundo Aparicio este é un xeito de amosar a sexualidade activa da muller, como cando se amosan peiteando, que queren dar a coñecer a súa dispoñibilidade sexual.

Na súa exposición, Rafa Quintía indicou que as lendas transmiten os valores sociais e constrúen a mensaxe e visión dun pobo. Destacou tamén que o Monte das Croas é un espazo vivo, integrado no núcleo rural e que os veciños “saben que alí hai algo que leva toda a vida”. Deste xeito, dese lugar dise que estaba conectado por túneles con outras zonas da parroquia, que sucedían cousas máxicas na noite e mañanciña de San Xoan e, desta maneira, foi espazo propicio para a realización de ritos curativos.

Dentro da súa función social, Quintía destacou que foi espazo de xogos, reunión, festa para os veciños, sitio de pasto para o gando, de recollida de leña miúda, e punto clave para a realización de cencerradas e fascinantes carnavaladas.