Resumo dos traballos no Castro das Croas na mesa redonda sobre arqueoloxía

23/09/2014

Preto de medio cento de persoas participaron hoxe na primeira das tres xornadas sobre o Castro das Croas que se celebra no local social de Cabanas-Salcedo. Na mesa redonda sobre arqueoloxía falaron Antonio de la Peña, arqueólogo do Museo de Pontevedra e director da escavación de 1993, e Eduardo Méndez, arqueólogo do Instituto de Estudos Miñoranos e director da escavación de 2014.

Os dous explicaron os traballos que desenvolveron no Castro das Croas e comentaron os resultados das escavacións. De la Peña destacou que durante as tres semanas de traballo nos anos 90 non parou de chover, polo que aquilo semellaba “unha escavación subacuática”. Debido a este feito, apenas puideron facer a metade do traballo estimado, e ao seguinte ano “xa houbo un bloqueo das escavacións de campo”, polo que ata 20 anos despois non se volveu escavar no Castro das Croas.

De la Peña resaltou da investigación do ano 1993 o equipo de traballo, do que “a metade eran arqueólogos recén licenciados ou con traxectoria, e dos máis novos, moitos optaron por adicarse á arqueoloxía e hoxe en día son profesionais recoñecidos”

Pola súa banda, Eduardo Méndez fixo un resumo dos traballos que se levaron a cabo no ano 1992 por parte de Victor Barbi, falou dos do ano 93 de Antonio de la Peña e fixo un relatorio máis amplo sobre os que se levaron a cabo este verán. Méndez destacou o feito de que o castro se atopa enmascarado por recheos e indicou que nestas semanas de traballo se ampliou a escavación na zona da muralla (eliminando dúas testemuñas que deixara Antonio de la Peña) e tamén se definiu completamente a planta da muralla, que conta cuns sete metros de diámetro. O problema é que “a vivenda está totalmente arrasada e só puidemos traballar por debaixo dos niveis de ocupación”.

Antropoloxía

Mañá mércores continúan as xornadas cunha mesa redonda sobre antropoloxía, na que participarán Buenaventura Aparicio e Rafael Quintía. Aparicio falará sobre ‘A Moura do Monte das Croas. Ideoloxías e lendas’ e Quintía afondará sobre ‘O monte das Croas, un monte vivo. Discurso popular e usos sociais arredor do patrimonio’.

Go top