Conferencias, visitas guiadas e moito máis arredor do Castro das Croas

18/09/2014

Continúan as actividades arredor do Castro das Croas. Despois do remate da intervención arqueolóxica é o momento de coñecer un pouco máis sobre os traballos que se levaron a cabo, pero tamén sobre como era a vida dos habitantes do Monte das Croas.

Por iso, a Concellaría de Patrimonio Histórico pon en marcha unhas xornadas nas que diversos expertos falarán sobre as peculiaridades do Castro das Croas, e que terán lugar no local social de Cabanas, en Salcedo.

Martes, 23 de setembro ás 18.30 h. Mesa redonda sobre arqueoloxía

Coa participación de Antonio de la Peña (Museo de Pontevedra), arqueólogo e conservador do Museo de Pontevedra, director da escavación de 1993; Eduardo Méndez (IEM), arqueólogo do Museo do Mar, director da escavación de 2014.

Mércores 24 de setembro. 19 h Mesa redonda sobre antropoloxía e usos do Monte das Croas

Coa participación de Buenaventura Aparicio, antropólogo; Rafael Quintía, presidente da Sociedade Antropolóxica Galega, SAGA.

Xoves 25 de setembro. 19 h

Conferencias de Estevo Amado Rodríguez, Licenciado en Historia e Máster en Arqueoloxía (USC): “Alimentación e consumo na Idade do Ferro. O castro das Croas e os seus coetáneos”; e de María Martín Seijo (doutora en Arqueoloxía e Historia da Antigüidade pola Universidade de Santiago de Compostela): A vida cotiá na Idade do Ferro a partir do estudo dos combustibles leñosos e as manufacturas en madeira.

O obxectivo destas xornadas, segundo o concelleiro de Patrimonio Histórico, Luís Bará, é dar unha visión máis competa da vida naquela época e ao longo da historia, facendo fincapé no Castro das Croas.

As xornadas complétanse con actividades de dinamización para escolares, nas que está prevista a participación de 300 nenas e nenos, e tamén con dúas visitas guiadas que se realizarán os sábados 4 e 11 do mes de outubro e que levarán aos participantes polo Monte das Croas e a súa contorna.  Durante o mes de outubro tamén se farán outros traballos complementarios, de sinalización con paneis e balizas para que o castro se poida percorrer de xeito autónomo, poranse en marcha as audioguías e os mapa-guía.

Con todo isto, o Concello pretende que o do Val de Tomeza e Salcedo sexa un proxecto vivo, no que se implique a cidadanía e do que todos os pontevedreses poidan presumir, pois estamos ante un castro singular pola súa antigüidade, polas súas peculiaridades construtivas, pero tamén porque se trata do primeiro asentamento humano coñecido do concello de Pontevedra.

Go top