“Hai algo importante que temos que conservar, recuperar e custodiar”

15/09/2014

O presidente da Comunidade de Montes de Salcedo, Fernando Pintos, fala sobre os traballos de escavación e as tarefas desta entidade con respecto ao patrimonio da parroquia.

Que lle parece o traballo de escavación que levou a cabo o Concello de Pontevedra no Castro das Croas?

Paréceme ben todo o esforzo que está a facer o Concello pola conservación e recuperación do patrimonio da parroquia, pero vexo que é unha pena que non se vaia un pouco máis alá das escavacións, para que a croa e a muralla poidan quedar visibles.

Que supuxo para a comunidade de montes a cesión do Monte das Croas ao Concello?

Son dúas hectáreas de terreo, pero supuxo ver a posibilidade de que nesa superficie se fagan traballos que a comunidade non podería abordar. Estes convenios entre Concello e Comunidade de Montes teñen que darse e son positivos; o traspaso hai que entendelo como algo natural e fundamental para que as cousas funcionen.

Saben os veciños do valor real do castro?

Hai algúns que si, unha minoría, pero a maioría non. Hai un descoñecemento e a través da historia creuse que este espazo non tiña o valor que se merecía, non houbo quen informara. Había lendas e era un lugar moi significativo, pero coñecemento sobre o que representa e sobre os nosos antergos non había. Agora, coas visitas e o que se vai publicando nos medios, dámonos conta de que hai algo importante que temos que conservar, recuperar e custodiar.

Pese ao descoñecemento, sempre foi un lugar respectado polos veciños.

Unha vez que se escavou no 1992, os veciños, como non pode ser doutra maneira respectaron os traballos. Ata o de agora non se lle daba importancia, porque só unha minoría é moi sensible con estas cousas, pero xa se denunciaba o que se facía, como cando foi que os militares destruíron mámoas e petróglifos.

Como traballa a comunidade de montes na posta en valor do patrimonio da parroquia de Salcedo?

Sendo sensibles a todo isto. Nos limpamos o Monte das Croas dado o interese do Concello de traballar con máis profundidade no lugar, e tamén recuperamos os muíños do Batán que estaban totalmente abandonados, en colaboración con veciños herdeiros, que son os propietarios. Agora estamos a traballar para que un propietario ceda á Comunidade de Montes un dos muíños e que poidamos convertelo nun museo etnográfico sobre o pan. Tamén denunciamos todo tipo de petroglifos abandonados e limpamos as árbores que os estaban desfacendo, como tamén limpamos o río. Estamos traballando en poñer en valor toda a superficie do monte, con limpeza e repoboacións axeitadas con especies autóctonas nas zonas de ribeira. Tratamos de desenvolver de forma correcta todos os proxectos contando coa colaboración da Comunidade de Veciños, Concello e outras entidades.

Go top