- Salcedo no tempo - https://salcedonotempo.pontevedra.gal -

Á procura de máis cabanas na vindeira campaña do Castro das Croas

O Castro das Croas recibiu hoxe a visita dos grupos municipais do Concello de Pontevedra. O alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, acudiu acompañado das concelleiras Pilar Comesaña, Carlota Román e María Biempica. Desculpou a súa asistencia o concelleiro Pablo Fernández, que non puido acudir por motivos persoais. O alcalde e as concelleiras recibiron as explicación do director da escavación, Eduardo Méndez, que lles comentou os traballos que se realizaron, os achados que xurdiron durante estes días e os plans de futuro que hai para o Castro.

Méndez asegurou que os traballos deron resultados moi positivos “pese a que o espazo é reducido e fomos seguindo os traballos de Antonio de la Peña en 1992”. Segundo indicou, os traballos confirmaron que se trata “dun castro antigo dentro do fenómeno castrexo e que tanto a cabana como a muralla son elementos de grande interese, sobre todo a muralla, porque estamos ante un tipo de estrutura practicamente única tendo en conta a antigüidade do castro. Ten un porte espectacular e nesa etapa soian ser estruturas moito mais débiles, menos aparentes”. En canto á cabana, Méndez indicou que está “practicamente arrasada”, de maneira que só puideron escavar na cimentación.

A proposta do equipo de escavación é facer unha nova campaña o vindeiro ano e “seguir escavando e ampliando a muralla, co obxectivo de restaurar e facer visitable” o tramo que xa está descuberto. Actualmente están á vista 14 metros de muralla, pero estímase que a súa lonxitude alcanza os 100 metros. Tamén se traballará na parte superior do castro, “para retirar parte dos recheos e seguir na procura de máis cabanas”.

Nas próximas semanas continúan as actividades de dinamización arredor do Castro das Croas organizadas polo Concello de Pontevedra e unha vez que rematen farase un tapado preventivo.

Historia de Pontevedra

O alcalde de Pontevedra, destacou a importancia do Castro das Croas e espera que en vindeiras campañas “aparezan novos achados, novas cabanas. Imos seguir investindo para investigar e poñelo a vista de todo o mundo” porque, asegurou, o castro é “parte da historia de Pontevedra. Queremos que sexa un atractivo e que a xente o coñeza”.

Pola súa banda, a socialista Carlota Román, indicou trala visita que “se está poñendo en valor a nosa riqueza arqueolóxica, a nosa cultura. Descubrindo un pouco máis de nos, coñecendo o noso pasado, tamén reforzamos o noso presente e o futuro”. A concelleira non adscrita María Biempica agradeceu a invitación á visita guiada e recoñeceu que se trata duns “restos arqueolóxicos moi interesantes. É bo que o Concello faga este tipo de iniciativas”.