- Salcedo no tempo - https://salcedonotempo.pontevedra.gal -

A lenda de mouras máis coñecida fóra de Galiza é a do Castro das Croas

O Castro das Croas de Salcedo é o espazo no que se concentran as lendas e ritos da parroquia de Salcedo. É por iso polo que o antropólogo Buenaventura Aparicio o considera o espazo de pensamento mitificado da parroquia.

Entre as lendas destaca a da Moura que vive baixo o castro nun bonito pazo, que tivo unha trascendencia máis alá da comunidade galega. Foi publicada por José Casal y Lois no ano 1866 (aprox) e foi incluída na obra ‘Galicia’ de Manuel Murguía e tamén publicada por Leandro Carré Alvarellos na súa imprescindible ‘Las leyendas tradicionales gallegas’. Aparicio explica que a partir destas publicación a do Castro das Croas “é a lenda de mouras máis coñecida fóra de Galicia”.

Polo contido das lendas das Mouras, Aparicio considera que o pensamento non era “neutro nin inocente, e correspondese co pensamento da sociedade tradicional galega”. En todas as lendas está representada a “sociedade patriarcal, na que o home ten que demostrar a súa autoridade ante a sociedade, e a muller amósase como a que bota a perder todos os negocios”.

De feito, nas lendas, cando as mulleres acadan o que queren dos homes, “sempre vai cara elas algo negativo, aínda que nunca chega porque elas non son as culpables, os culpables son os homes porque non as teñen controladas”. Aparicio destaca que no fondo destas lendas xa estaba moi presente o machismo, “algo moi difícil de erradicar porque esta idea está moi enraizada, dende o mito de Eva no paraíso. Estas ideas patriarcais e relixiosas sempre foron moi fortes”.

A lenda da Moura

Aínda que existen varias versións, a estrutura da lenda é que no Monte das Croas habita unha moura que agocha distintos tesouros e que se aparece na croa, que é a pedra que ten os petróglifos. Entón vanse narrando encontros coas persoas que subían co gando, que facían tratos con ela (normalmente comida a cambio de riqueza) e que eran castigados coa morte cando rompían o pacto de silencio que tiñan coa Moura. Normalmente, trátase de mulleres que lle insisten e convencen aos seus homes (que eran os que tiñan o trato coa moura) para que lles conten o negocio que teñen coa moura.

As lendas, sen embargo, apenas seguen circulando na tradición oral. Nos anos 50, coa chegada da televisión, “os vellos deixaron de lado o seu papel de contadores de historias, rompeuse esa comunicación con eles, e hoxe é raro que xente de menos de 40 anos coñeza as historias completas”.

Máis riqueza inmaterial

Ademais das lendas das Mouras, o Castro das Croas conta con máis riqueza inmaterial. Había moita tradición entre os nenos que xogaban nos penedos do Monte das Croas, que dicían que alí debaixo estaba o tesouro encantado, e que para desencantalo había que ter unhas palabras máxicas.

Na Ponte do Batán facíanse ritos de bruxería para quitar o meigallo, e no cruceiro do Birrete fixéronse ritos para curar o gando, pois alí aparecían depósitos de herbas e outros materiais queimados nunha pedra, que se facían de noite para esconxurar o mal de ollo. En xeral, é moi abundante o folclore asociado ás croas.