“A ría de Pontevedra é unha lagoa en canto a descubrimento de castros”

Os expertos visitaron hoxe o Castro das Croas para coñecer de primeira man os traballos de escavación que se están a levar a cabo.

O Castro das Croas recibiu hoxe a visita de tres expertos no mundo Castrexo. A profesora da USC, especialista en cerámica castrexa, Josefa Rey, o arqueólogo e xeólogo Emilio Abad, e o director do Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro e arqueólogo da Dirección Xeral de Patrimonio, Manolo Rey, coincidindo os dous últimos na escavación do ano 1993.

Josefa Rey, explicou que o obxectivo é reconstruir a vida cotiá nos castros e aínda que no Castro das Croas “non están a aparecer moitos achados de cerámica, iso tamén é característico dos castros antigos. O pouco que aparece semella que estaría dentro da etapa do Ferro 1. Hai un material que se parece bastante ao castro de Neixón pequeno (Boiro). E parece que está no mesmo nivel tecnolóxico que o de Torroso (Mos) e Penalba (Campo Lameiro)”.

Rey explicaba que a pretensión que teñen é que os restos de cerámica que se atoparon pasen a formar parte “dunha base de datos que levamos tempo organizando para poder interrelacionala co resto dos materiais e facelo desde a perspectiva do estilo, formal e decorativo, que neste caso non apareceu, pero morfolóxicamente poderíamos establecer comparacións con todo o que temos”.

Dentro dos trababallos de investigación que se están facendo a idea “é facerlle análises para saber para que se usaron concretamente as pezas, saber que comeu esta xente, e que fixo nos recipicientes”. Rey indicou que esta é unha boa oportunidade para estudar as diferentes fases tecnolóxicas, pois hai menos diferencias entre o Ferro 1 e Ferro 2, que entre este e a fase romana, pese a que Ferro 2 se considera unha fase prerromana.

Pontevedra, unha descoñecida

Para rematar, Rey destacou que “Pontevedra é unha grande descoñecida en descubrimento de castros, é unha lagoa. E iso que o Museo foi moi activo arqueolóxicamente, pero e unha lagoa en canto a cultura material. Hai datos de Arousa, de Vigo, pero da ría de Pontevedra, nada, por iso é tan importante este xacemento”.

Pola súa banda, Emilio Abad, recordaba o seu traballo na escavación do ano 1993, na que apenas estivo uns días antes de que se abrira a cata da cabana. “O castro está moi ben conservado, segue igual que o recordaba”. En canto aos achados, Abad destacou que a muralla “é espectacular e está bastante ben conservada. Liberar as testemuñas permite agora ter unha mellor visión e plantexar mais preguntas sobre o xacemento”.

En canto á cabana, Abad considera “unha magoa que está tan desmontada. A plataforma superior vese que está acondicionada para ter un espazo plano. Agora haberá que esperar as análises posteriores á escavación para saber que datos nos pode aportar. Unha intervención é sempre para engadir máis información e tentar resolver preguntas que se plantexaron no pasado”.

Go top