- Salcedo no tempo - https://salcedonotempo.pontevedra.gal -

Novos achados no Castro das Croas

O xacemento do Castro das Croas segue sacando á luz novos achados. Estes días apareceron outros dous muíños de man e fragmentos de cerámica. Neste caso, trátase de fragmentos grandes que se corresponden co borde do recipiente, o que permite saber cal é a forma e a capacidade da cerámica, e tamén varios fondos.

Por outra parte, acharon tamén restos de carbón nas testemuñas da muralla, o que permitirá a través de estudos antracolóxicos saber a que especie arbórea pertence esta madeira queimada. Durante os traballos de limpeza da parte exterior da muralla tamén apareceron dúas estruturas anexas á mesma, que poderían corresponderse con reforzos da muralla. Estase a facer unha cata á beira dunha delas para poder investigar máis sobre a mesma.

Xornada de voluntariado

Durante as xornadas de onte e hoxe desenvolvéronse actividades de voluntariado nas que participaron un total de 12 persoas. Entre as 10.00 e as 12.00 horas, os participantes puideron escavar na zona da muralla e debuxar os perfís da cabana e da muralla. O xoves haberá unha nova xornada de voluntariado, pero as prazas xa están esgotadas.

Máis actividades

O martes día 9, ás 11.00 horas, haberá unha visita guiada na que se explicará a intervención arqueolóxica, e tamén as lendas asociadas ao Castro, así como os usos sociais, económicos e rituais do espazo. Non é preciso inscrición previa. O venres 12, terá lugar o acto de clausura da intervención, no que se explicarán os resultados da escavación e que rematará cunha actuación musical. Será ás 20.00 horas no Castro das Croas.