Espazo Etnográfico e Arqueolóxico do Val de Tomeza e Salcedo

28/08/2014

A intervención no castro das Croas forma parte do proxecto de dinamización do espazo etnográfico e arqueolóxico do Val de Tomeza e Salcedo. Este espazo é un proceso de recuperación, divulgación e dinamización do patrimonio de Salcedo, artellado arredor dos bens etnográficos e arqueolóxicos desta parroquia: o conxunto etnográfico dos muíños do río do Batán, as estacións arqueolóxicas de Vilar de Matos (Cabanas), Mato das Cruces (A Esculca) e Outeiro da Mina; o Pazo de Gandarón (sede da Misión Biolóxica); o trazado da Vía XIX e os miliarios descubertos nas obras de construción da vía férrea; e o Castro das Croas son os principais referentes dun proxecto que contempla a restauración de bens, a sinalización e a posta en marcha dun programa de divulgación e dinamización mediante exposicións, guías, paneis interpretativos, roteiros, visitas guiadas, actividades lúdicas, etc.

O espazo etnográfico e arqueolóxico do Val de Tomeza e Salcedo é  a “actuación estelar” dentro das iniciativas deseñadas para recuperar o patrimonio rural neste mandado, que se recollen no Plan do patrimonio rural aprobado en xuño de 2012. No plan incluense liñas de actuación relacionadas coa protección, conservación, restauración, divulgación e dinamización dos bens culturais das parroquias, tanto materiais como inmateriais.

Orzamento

O proxecto ten un orzamento de 166.000 euros e conta con unha subvención de fondos LEADER de 56.11 euros.

Nunha primeira fase, que se desenvolveu no ano 2013, investíronse 58.016 euros na denominada zona III, na contorna dos muiños do Batán.  Esta cantidade destinouse ao desbroce e limpeza do terreo, retirada de entullos, acondicionamento dunda senda peonil, e construción de pasarelas de madeira para facilitar o acceso ao conxunto de muiños. Posteriormente, un grupo de veciños, coa colaboración do concello, da asociación veciñal Heroes do Campo da Porta e da comunidade de montes, realizaron traballos de rehabilitación de dous muiños, un dos cales conta con toda a maquinaria para moer.

O segundo capítulo dos investimentos céntrase na intervención arqueolóxica no castro das Croas, dotada con 24.140 euros, destinados á excavación e aos traballos de documentación, catalogación e datación dos achados.

O terceiro capitulo, dotado con 40.716 euros, corresponde a ferramentas informáticas e novas tecnoloxías: deseño da imaxe do proxecto, creación dunha web divulgativa, realización de materiais audiovisuais, catalogación de bens, deseño de roteiros e visitas autoguiadas.

O cuarto capítulo de inestimentos corresponde ao deseño e edición dun mapa-guía do espazo arqueolóxico con un orzamento de 5.000 euros.

Por último, destinaranse 39.518 euros a dotar o espazo etnográfico e arqueolóxico dun sistema interpretativo mediante a instalación de paneis informativos e balizas de orientación.

Go top