- Salcedo no tempo - https://salcedonotempo.pontevedra.gal -

De la Peña destaca que o xacemento do Castro das Croas está moi ben conservado

O arqueólogo do Museo de Pontevedra, Antonio de la Peña, director dos traballos que se levaron a cabo no Castro das Croas no ano 1993 estivo hoxe de novo na escavación. De la Peña recordou os días chuviosos que acompañaron a escavación que el dirixiu e indicou que non puideron seguir traballando debido ao “parón da Administración con respecto ás escavacións programadas. Pedíronse novos permisos para escavar pero non foron concedidos e os museos pasaron a ser meros almacéns, negándoselle o traballo de investigación”.

O arqueólogo quedou sorprendido do bo estado no que se atopa o xacemento do Castro das Croas. “Está incriblemente ben conservado. Non sei que adxectivo colocar, porque o normal é que estas pedras xa non existiran e están todas, absolutamente todas. Así que despois de 20 anos de parón, pódese retomar o traballo desde o punto exacto no que nos o deixamos”.

A diferencia con respecto aos anos 90 serán os mellores métodos que se empregan e o equipo multidisciplinar que traballa no xacemento, cando fai 20 anos o equipo formábano “recentemente licenciados e rapaces dos institutos de Pontevedra”.

Sensibilización veciñal

De la Peña asegura que estes traballos non son en absoluto “para ratificar” a interpretación que el fixo no ano 1993, senón que “do que se trata é de ir construíndo escaleiras, colocando peldaños para facer algo mellor do que nos fixemos”.

O arqueólogo tamén destacou a importancia de “contar cunha comunidade de montes e unha comunidade de veciños sensibilizadas con este tema”, xa que eles son os primeiros que van a coidar e valorar o xacemento. “Os veciños teñen que entender que as raíces da súa parroquia están aquí. Ese foi un aspecto que tradicionalmente non se coidou, pero trátase de reconstruír o pasado histórico, e non se pode valorar algo que non se coñece” explicou.