Castro das Croas

28/08/2014

O Castro das Croas é un xacemento arqueolóxico no que se realizaron escavacións no ano 1993, que foron dirixidas por Víctor Barbi e Antonio de la Peña. Foi entón cando se descubriu unha muralla na parte baixa do xacemento e unha cabana na alta. Fai 20 anos determinouse que o castro conta con entre 2.500 e 2.700 anos de antigüidade, polo que se encadra na primeira fase do desenvolvemento da cultura castrexa. Ademais, trala escavación, chegouse á conclusión de que o castro nunca fora habitado e que se abandonara durante o proceso de construción.

En agosto de 2014 iniciase unha nova escavación. Neste caso o obxectivo é ampliar a área escavada na cabana para poder afondar máis na súa investigación. Os traballos que se realizaron nos primeiros días xa determinaron que a cabana ten máis de sete metros de diámetro e que conta cunha estrutura empedrada anexa.

Con respecto á muralla, a previsión é eliminar as dúas testemuñas que se deixaron no ano 1993 para que quede libre o interior desta parte xa escavada. Tamén se afondará na súa parte exterior. Tras debuxala e xeorreferenciala, será tapada ata a vindeira intervención.

Go top