A USC estudará os 42 fragmentos de cerámica achados no Castro das Croas

Máis de 30 persoas participaron hoxe na segunda visita guiada ao xacemento

Os traballos de escavación no Castro das Croas sacaron á luz un total de 42 fragmentos de cerámica nestes seis primeiros días de actividade. Os anacos estaban repartidos entre a cabana (17) e a cara interna da muralla (25).

Os que se atoparon na muralla estaban nunha das testemuñas que quedaron da escavación de 1993 e que se están retirando. Estaban debaixo dunha acumulación de pedras que se corresponde cun derrubamento da muralla, que puido deberse a causas naturais ou ben a intervención do home.

Os fragmentos de cerámica conteñen restos de terra e serán enviados ao Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste Ibérico (GEPN) da USC, que serán os encargados analizalos e determinar a que época pertencen e que tipo de uso se lle daba. Coas pezas aínda sen limpar, a cerámica aparentemente non está decorada e, segundo os arqueólogos, posiblemente se trate dunha ola.

Visita guiada

Esta mañá tamén se realizou a segunda visita guiada ao Castro das Croas. Nesta ocasión participaron máis de 30 persoas que tiveron oportunidade de coñecer de primeira man os traballos que se están a realizar e tamén un pouco máis sobre a cultura castrexa.

A vindeira semana, luns e martes, terán lugar as xornadas de voluntariado. Desenvolveranse en dous grupos de cinco persoas (un cada día), que durante dúas horas (de 10.00 a 12.00 horas) poderán participar na escavación da cabana e da muralla.

Go top