- Salcedo no tempo - https://salcedonotempo.pontevedra.gal -

Os traballos de escavación revelan que a cabana do Castro das Croas ten sete metros de diámetro

As escavacións no Castro das Croas xa van sacando á luz algún achado interesante. Onte xoves apareceron dúas pedras de moer mentres se retiraba a terra para afondar na escavación que o arqueólogo Antonio de la Peña fixo en 1993.

As pedras poden formar parte do proceso de construción da cabana (os traballadores tiñan que comer) ou ben ser parte da propia vivenda, algo que haberá que contrastar, pois segundo a teoría á que chegara de la Peña nos anos 90, a cabana nunca foi habitada. Para os arqueólogos deste proxecto resultou sorprendente que “cos primeiros traballos xa aparecese algo”, indicaba Eduardo Velázquez, polo que consideran a vindeira semana poderían xurdir novos descubrimentos.

Cabana de grandes dimensións

Durante a xornada de hoxe, os traballos centráronse na limpeza da cobertura vexetal no perímetro da cabana co fin de deixar o espazo delimitado para comezar afondar no xacemento. Así, os arqueólogos descubriron que “estamos ante unha cabana de planta circular, aínda que non perfecta, pero de grandes dimensións, pois o seu diámetro é de sete metros”, apunta o director da escavación, Eduardo Méndez Quintas.

O feito de que a vivenda sexa tan grande, confirma que nos atopamos ante unha cabana “das primeiras etapas do desenvolvemento da cultura castrexa, cando as vivendas eran elementos multifuncionais” nos que convivían as persoas cos animais. En épocas máis tardías, xa se ían especializando e facían alpendres e incluso cortes para gardar os animais.

Durante estes primeiros pasos da escavación na cabana “apareceu tamén un enlousado grande que se atopa nun dos lados da cabana”. Cando os traballos estean máis avanzados poderase determinar a súa función.