
Co obxectivo de facer partícipe á comunidade local e a todas as persoas interesadas vaise desenvolver un amplo programa de actividades de dinamización no Castro das Croas. Faranse durante os traballos de escavación (que durarán uns 20 días) e tamén unha vez rematada a intervención.
O obxectivo é envolver á veciñanza no proceso de estudo e investigación e tamén no coidado e divulgación dos bens culturais, entendidos como elementos centrais na identidade local e xeradores de orgullo e autoestima.
Para participar nas visitas guiadas e nas actividades de voluntariado, é preciso anotarse a través da web http://tesourosdotempo.pontevedra.eu/novas/ (para inscribirse na actividade hai que estar rexistrado previamente) ou no correo electrónico patrimoniocultural@pontevedra.eu.
Durante o outono tamén haberá actividades como charlas divulgativas sobre o castro, presentación dos resultados da intervención e roteiros e visitas guiadas para grupos e escolares. O programa definitivo presentarase ao longo do mes de setembro.