Comezan os traballos de recuperación do Castro das Croas de Salcedo

O alcalde de Pontevedra visitou o espazo arqueolóxico e destacou a importancia da recuperación do patrimonio no rural pontevedrés

Os traballos de recuperación do Castro das Croas comezaron hoxe na parroquia de Salcedo. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, visitou o espazo arqueolóxico xunto aos concelleiros Demetrio Gómez e Anxos Riveiro; e representantes da Comunidade de Montes e da Asociación de Veciños Heroes do Campo da Porta.

Fernández Lores indicou que cos traballos que hoxe se inician se da “continuidade ás escavacións que nos anos 90 iniciou o arqueólogo Antonio de la Peña e que quedaron a medias”. Agora, o principal “é datar o xacemento, poñelo en valor e dalo a coñecer a veciños e visitantes”.

Os traballos, sen embargo, resultarán máis complicados do que poderían ter sido orixinariamente e suporán un maior esforzo debido a que nesta zona se fixeron recheos cando se construíu a autoestrada AP-9. O alcalde indicou que as tarefas se levarán a cabo “con calma, porque o importante é traballar na recuperación do patrimonio arqueolóxico e etnográfico do rural para que todos os pontevedreses coñezan o seu entorno e poidan gozar del”.

Escavando na muralla

Os traballos iniciáronse hoxe na zona baixa do xacemento, onde se atopa a gran muralla que rodea o castro. O arqueólogo Eduardo Méndez indicou que as escavacións comezan neste lugar para deixar o espazo visible e poder conseguir algún material que permita datalo. Despois, trasladaranse á parte alta do monte, onte nos anos 90 se descubriu parte dunha cabana, que é o máis interesa aos especialistas neste momento.

Méndez recordou hoxe que os castros de maiores dimensións, como os de Santa Tegra ou de San Cibrán de Las son dunha fase tardía, cando chegaron os romanos. Sen embargo, crese que o Castro das Croas de Salcedo pode ser dos máis antigos (sobre 2.700 anos), tanto pola extensión que ten (aproximadamente unha hectárea) como polo tipo de vivenda. Os traballos que se farán durante os vindeiros días desvelarán os segredos que agocha este xacemento arqueolóxico.

Go top